Vítimas de Anguieiro, “honor para vosoutros”, porque fostedes o mellor deste pobo e ninguén pode menosprezarvos nin esquecervos.
A pesar
dos 79 anos transcorridos, hai unha desleixo cara ás vítimas da guerra
civil, do franquismo e da Segunda Guerra Mundial, estamos volvendo ao
pasado. Hai ausencia de discurso nos partidos políticos e organizacións
sociais.
Todas ás
vítimas matáronas por defender a liberdade. As 11 vítimas de
Anguieiro aplicáronlles a condena a morte sen xuízo. Estes, como
outros cangueses defensores do lexitimo goberno republicano, o día 20 de
xullo de 1936 fixeron un pequeno foco de resistencia na estrada de
Cangas a Pontevedra no lugar da fonte de Anguieiro. O obxectivo da
resistencia era impedir o paso dunha posible columna de mariñeiría do
Polígono de Tiro Janer de Marín para tomar Cangas. Ás 23 horas chégalles
a mala noticia de que Cangas estaba tomada polas forzas de seguridade (garda civil, carabineiros e gardas municipais) que se pasaran ao bando
dos insurrectos.
“El
restablecimiento del principio de autoridad exige inexcusablemente que
los castigos sean ejemplares, por la seriedad con que se impondrán y la
rapidez con que se llevarán a cabo, sin titubeos ni vacilaciones”, poñía
a proclama para a declaración do estado de guerra do xeneral Mola o 19
de xullo de 1936. A partir desas datas os golpistas puxeron fin a un
tempo político de liberdades iniciado en abril de 1931 e fortalecido coa
vitoria das esquerdas nas eleccións de febreiro de 1936. Os fascistas
instauraron e lexitimaron as súas accións prioritarias como o uso da
violencia e a vulneración dos dereitos humanos, pois non dubidaron en
suprimir os dereitos individuais, e transformarse en criminais
implantando o caos e a morte.
O
asasinato dos once de Anguieiro na noite do 27 o 28 de agosto do 1936
foi un suceso salvaxe e desprezable, cometido polos falanxistas de
Cangas baixo as ordes do alemán Bruno Sveiger, coñecido polas súas
atrocidades como o carniceiro do Morrazo.
Fai falta traer unha vez máis ao presente a memoria de:
Secundino Ruibal Villar, 38 anos, canteiro, veciño de San Pedro, Darbo, casado.
Nornandino Núñez Martínez,
46 anos, veciño da rúa Sol, Cangas, mariñeiro afiliado a Alianza
Mariñeira / CNT . O seu corpo apareceu o 16 de outubro, no Rexistro
Civil de Cangas con data de 9/11/1936. Consta como “morto por hemorraxia
interna por ferida de guerra”.
José Nores Rodríguez, 16 anos, albanel veciño da rúa Liberdade, Cangas, solteiro, detido na casa dos seus pais o 27 de agosto.
José Martinez Pazó,
26 anos, canteiro PSO , veciño de San Pedro, Darbo. Casado. O seu
corpo apareceu o 16 de outubro,no Rexistro Civil de Cangas con data de
9/11/1936 consta como “morto por hemorraxia interna por ferida de
guerra”.
Alejandro Martínez Pazó, 19 anos, canteiro PSO, veciño de San Pedro, Darbo. Solteiro.
Daniel González Graña,
24 anos, ,veciño de Cangas, mariñeiro afiliado a Alianza Mariñeira
/CNT. Solteiro. Detido o 27 de agosto. O seu corpo apareceu o 16 de
outubro, no Rexistro Civil de Cangas con data de 9/11/1936 consta
como “morto por hemorraxia interna por ferida de guerra”, no 1936 os
militares ábrenlle causa “por ser membro del comité do Frente Popular”.
Despois de morto a mariña de guerra abriulle causa por ser da quinta do
1933 “por non presentarse”.
Guillermo Fernández Fernández,
27 anos, albanel, PSO, veciño de Seixo, Darbo. Solteiro. Detido o día
27 por falanxistas e gardas civís na casa do seus pais en Seixo, Darbo.
No ano 1937, despois de morto, a Mariña abriulle causa por deserción.
Antonio Blanco Rodal,
26 anos, mariñeiro, veciño da rúa Síngulis, Cangas. Casado. Detido no
peirao de Cangas cando regresaba de pescar. O seu cadáver apareceu o 16
de outubro e no Rexistro Civil de Cangas, con data de 9/11/1936, consta
como “morto por hemorraxia interna por ferida de guerra”.
Eugenio Bastos Fernández,
18 anos, mecánico do estaleiro de Barreras , afiliado ás Xuventudes
Socialistas Unificadas, veciño de rúa Rastro, Cangas. Solteiro.
Estanislao Ferreiro Núñez,
24 anos, canteiro, veciño de San Pedro, Darbo. Solteiro. Detido polos
falanxistas e un garda civil o 26 de agosto ás dúas da madrugada na casa
dos seus pais en San Pedro.
Antonio Ferreiro Núñez, 32
anos, canteiro, veciño de San Pedro, Darbo. Casado. Detido polos
falanxistas e un garda civil o 26 de agosto ás dúas da madrugada na
casa dos seus pais en San Pedro. O seu corpo apareceu o 16 de outubro e
no Rexistro Civil de Cangas, con data de 9/11/1936, consta como “morto
por hemorraxia interna por ferida de guerra”.
O Estado non debe
ignorar as súas obrigacións, e debe garantir a reparación das vítimas,
pois, sendo unha exixencia democrática, varias décadas despois seguimos
atopando obstáculos case infranqueables. Por riba, o 5 de outubro de
2013 o alcalde de Baralla, Lugo (gobernado polo PP), o señor Manuel José
González Capón pronunciou no pleno municipal unhas desafortunadas declaracións contra ás vítimas, sostendo que “os que foron condenados a
morte” durante o franquismo “sería que o merecían”.
O dereito do
Estado é establecer normas penais e exixir o cumprimento delas máis a
“lei de Amnistía” de 1977, é un parapeto xudicial en defensa do
franquismo e representa a renuncia do Estado ao exercicio do dereito ó
castigo, pois esta lei impide “constitucionalmente” resolver aquel
dilatado conflito criminal dunha forma pacífica e institucional. A busca
de solucións parece que está fóra de toda discusión política.
Non miredes para outro lado… isto vai para todos.
Finalmente, na memoria dos once de Angueiro, é necesario que se entenda que a xustiza e o contrario da vinganza.
Asc. Memoria Historica 28 de agosto Cangas